Proponse a intervención nun local comercial situado no casco histórico de Vigo, no centro cultural e económico da cidade. O edificio no que se sitúa o local destaca pola súa clasificación como de interese urbanístico moi alto, e interese histórico e arquitectónico medio. A proposta levarase a cabo na planta baixa e manterase o seu actual uso comercial, propoñendo no seu interior unha chocolatería de produtos nacionais e internacionais.
A idea conceptual do proxecto é unha “caixa de bombóns” na que atopamos diferentes variedades dun mesmo produto tanto pola súa forma, cor e sabor, pero todos eles están dispostos nun mesmo envase no cal cada un pode ter o seu lugar predefinido en semellanza coa súa forma ou onde a súa localización estea acoutada polos límites do envase.
Será este concepto de “caixa de bombóns” o que organice esta proposta. O local é formalmente un cubo polo que se busca romper a simetría grazas a dúas liñas perpendiculares que delimitan e estruturan o espazo, ordenando a distribución do programa funcional.
Partindo destas dúas liñas perpendiculares estrutúrase a distribución do espazo expositivo, a zona de dobro e degustación, así como a zona privada de uso dos traballadores naque se atopa o aseo.
O deseño céntrase no maior respecto pola arquitectura existente, muros de pedra de sillería, amplos ventás e unha altura total do espazo de 4,91 metros; e a verdade dos materiais, celebrando as súas imperfeccións, sendo consciente diso na súa elección. A paleta de cores empregada favorece os tons neutros en relación aos tons atopados na pedra de sillería existente, a presenza de madeira de faia e nogueira que aportan calidez en contraste co pavimento frío de cemento de cor “terra”. A selección e utilización dos materiais definen as áreas que compoñen o conxunto, sendo elementos diferenciadores ou unificadores do mesmo.
A zona expositiva está formada fundamentalmente por tres módulos móbiles en semellanza conceptual cos chocolates, no interior dos cales se permite o almacenamento de produtos. Estes elementos dotarán de maior dinamismo ao espazo, rompendo o seu carácter estático e simétrico. Permitindo a creación de diferentes distribucións para que estas poidan constituír unha única peza ou xogar coa súa posición no espazo, dando lugar ás circulacións desexadas.
A intención é crear un espazo dinámico, interesante a ollos do cliente onde o protagonismo se reparta entre o produto a vender e o deseño do local, primando a funcionalidade do espazo. Búscase un deseño con liñas sinxelas onde a verdade de cada material así como as súas imperfeccións aporten orixinalidade e carácter ao conxunto.