Un día unha amiga referiuse nunha conversa a este proxecto como "ese da lata de sardiñas con cousas de Massó dentro" e o que a ela, que o dixo sen pensar, lle pareceu que fora fora unha maneira un tanto pobre de referise a el, a min pareceume marabilloso. Pois, en esencia, iso foi o que quixen facer; gardar en conserva certos aspectos da historia do complexo arquitectónico de Massó, sito en Cangas do Morrazo. Os edificios abandonados sempre espertaron a miña curiosidade, facendo que me pregunte en que momento deixou de usarse e o porqué, quen son os propietarios ou os responsables do seu abandono, a maneira na que podería recuperarse, etc... E non foi diferente despois de visitar por primeira vez a conserveira de Massó. Neste caso, tras investigar sobre o tema, foi precisamente a historia posterior ao cese do seu uso e abandono a que me interesou contar. Especialmente a historia de loita social que aí descubrín, merecedora de todo o meu respecto e admiración.
A través da ilustración, quixen contar sobre o pasado do edificio, sobre o seu estado, e sobre a loita que a veciñanza librou contra a especulación inmobiliaria que, dende que quedou en desuso, ameazou o futuro deste complexo e da vila de Cangas en xeral. As ilustracións que fixen mesturan cousas tal e como as podemos ver hoxe en día con outras que toman como referencia información e fotografías antigas para representar como poderían atoparse agora os edificios de non ser abandonados, ou mesmo se foran rehabilitados. Centreime en representar elementos como cubertas, portas ou fiestras, que poden ser determinantes na conservación dun edificio. Tamén algunhas das frases que lembran á protesta veciñal e están aínda presentes no complexo en forma de pintadas. Ademais, quixen representar como contrasta coa ruína a vida que a veciñanza lle dá ao lugar, incluíndo algunhas escenas clave.
O que fixen foi unha sorte de fanzine ou proxecto de autoedición esperimental enteiramente de ilustración. Principalmente combinei debuxo a liña con partes que quixen destacar a través da cor, con máis detalle, para as que empreguei acrílicos. A orde das ilustracións que seleccionei responde ás distintas paradas que na realidade se poden facer nun paseo circular polo complexo.
Para os primeiros prototipos impresos deste proxecto empreguei cartulina, papel canson de esbozo e papel vexetal. O fanzine vai dentro dunha especie de funda que leva impresa, mediante un selo, unha lata de coserva. Dentro, unha faixa de sardiñas envolve o fanzine cosido á man. Á fin, como acertou a dicir a miña amiga, non é máis unha lata de sardiñas con cousas de Massó dentro.