Crisálida é un proxecto que xorde como unha necesidade de falar de todo o que temos no noso interior, pero sen falar. Sacar, a golpe de diferentes procesos, todo o que non somos capaces de dicir con palabras e convertelo en imaxes. Partir do que somos, da nosa propia imaxe e, dun modo moi físico, mostrar todo o que hai dentro de nos. Facer visible o invisible, o que non se ve desde fóra.
Estamos acostumados a construír álbums dos momentos felices, do que queremos recordar e preservar, e tratamos de esquecer o malo e o negativo. Eu non quero esquecelo, porque dalgún xeito tamén forma parte de min e de quen son. Desde pequena vivín a familia como un símbolo de unión, amor, respecto, confianza... Unha serie de valores que pouco a pouco se foron gravando en min.
Crecín e fun incorporando persoas a esa familia que eu ía construíndo, cos seus acertos e errores. O proxecto fala de todo iso, case a modo de diario ou de álbum familiar. Situacións e emocións que calquera pode ter vivido pero que aínda non é capaz de contar.
Crear unha imaxe a partir dun sentimento. Unha única imaxe, real, sen artificios, sen maquillaxes e sen retoques. Unha representación en forma de imaxe de quen somos realmente, coas nosas marcas e as nosas historias gravadas sobre a pel. Unha imaxe na cal, mediante a manipulación física sobre ela mesma, contar algo que está no noso interior.
Para elo analicei cada un dos momentos e recordos da miña propia historia, extraendo unha lista de sentimentos que foron marcando o meu día a día. Comecei a darlles forma, un a un, mediante diferentes procesos nos cales experimentaba esa propia sensación. Soportando cada candea, en medio do xeo, baixo terra, entre brasas, sendo devorada, somerxida en auga, con cadeas... Imaxes que se transforman co tempo, ao igual que os sentimentos. Un proceso no cal cada imaxe crease baseándose unicamente en cada emoción, sen buscar unha estética ou resultado concreto. O xesto non consciente, no cal o sentimento viaxa desde a cabeza ata a man sen pasar pola razón. Algunhas de elas con un elemento común, a costura, un punto de unión a miña historia familiar.
Con Crisálida quero romper o medo a mostrar, a deixar saír o que sinto. Retratar, de diversos modos, as diferentes maneiras de sentir nas que creo que moitos poderían verse reflectidos. Cada unha das pezas é a mostra de algo: A carga mental, os valores perdidos co tempo, a fraxilidade, o crecemento, o desgaste, as feridas, os aprendizaxes, o afogamento, o tóxico, o prexudicial, etc... Vinte e sete imaxes a día de hoxe. Un álbum que doe e que cura, case como unha terapia. Vinte e sete imaxes nas que o proceso é parte de min e de quen son hoxe.