Presentación
Xeral. Con carácter xeral, para o acceso a estes estudos requirirase estar en posesión do título de Bacharel ou título declarado equivalente, ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, e superar a proba específica de acceso.
Máis de 18. Os/as aspirantes que non estean en posesión do título de bacharelato ou equivalente e teñan dezanove anos cumpridos no ano de realización das probas, deberán superar a proba establecida no artigo 69.5º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e o/a aspirante deberá acreditar os seus coñecementos e a madureza en relación cos obxectivos propios do bacharelato.
Directo. Poderán acceder aos estudos, sen realizar a proba específica, os/as aspirantes que estean en posesión dun título de técnico superior en artes plásticas e deseño.
A inscrición para a realización das probas de acceso efectúase na secretaría da escola a comezos do més de maio e as probas realízanse no més de xuño. As convocatórias correspondentes a cada curso académico publicitaránse neste sitio web.
A escola oferta 20 prazas de novo ingreso en cada curso.
Requisitos
ORDE do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.
CAPÍTULO II · Acceso e admisión
Artigo 3. Requisitos xerais para o acceso
1. De acordo co establecido no artigo 5.1 do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, para o acceso ás ensinanzas oficiais conducentes ao título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño, en calquera das súas especialidades, requirirá estar en posesión do título de Bacharel, ou ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica a que se refire o artigo 57.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
2. De acordo co establecido no artigo 5.2 do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, para os maiores de dezaoito anos de idade que non cumpran os requisitos xerais para o acceso aos estudos superiores de Deseño, a dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores convocará, polo menos unha vez ao ano, a proba establecida no artigo 69.5 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Para a realización desta proba que substitúe o requisito de titulación, será necesario facer, ou ter feitos, os dezaoito anos no ano en que se realice esta.(…)
Artigo 8. Acceso para aspirantes con discapacidade
1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, os/as aspirantes ao acceso de admisión aos estudos superiores de Deseño que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso aos ditos estudos.
2. Para tal efecto, os/as aspirantes con algunha discapacidade deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión aos estudos superiores de Deseño, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.
3. Correspóndelle ao tribunal encargado da organización, realización e cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións de realización da proba, co obxecto de permitir que os/as aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade co resto de aspirantes.
Artigo 9. Acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel.
De acordo co establecido nos artigos 34 e 36.d) da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, en cada centro da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparta algunha das especialidades dos estudos superiores de Deseño, reservaranse adicionalmente as prazas necesarias en cada especialidade impartida para o acceso a estas dos/das aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, e que reúna os requisitos académicos establecidos.
Probas de acceso
ORDE do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.(…)
Artigo 4. Proba específica de acceso
1. A proba específica de acceso aos estudos superiores de Deseño terá por obxecto demostrar que o/a aspirante posúe a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estes estudos.
2. A proba específica de acceso será única para as diferentes especialidades destas ensinanzas, e terá carácter unificado para todos/as os/as aspirantes.
3. Poderá acceder aos estudos superiores de Deseño sen necesidade de realizar a proba específica de acceso quen estea en posesión dun título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño. Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores establecer a porcentaxe de prazas sobre o total das ofertadas en cada especialidade dos estudos superiores de Deseño que se reservarán para esta modalidade de acceso, así como os criterios de prelación na súa asignación.
4. A superación da proba específica de acceso aos estudos superiores de Deseño faculta, unicamente, para matricularse no ano académico para o que a proba específica fose convocada e realizada, en calquera dos centros do Estado en que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.
5. O resultado da avaliación da proba específica de acceso aos estudos superiores de Deseño expresarase en termos numéricos nunha escala do 0 ao 10, con dous decimais, resultado da media aritmética das cualificacións emitidas polos membros do tribunal correspondente. Considerarase a proba como superada para as cualificacións iguais ou superiores a cinco.
Artigo 5. Características da proba específica de acceso
1. A proba específica de acceso aos estudos superiores en Deseño constará de dúas partes:
a) Primeira parte:
Durante un máximo de dúas horas, a partir dun texto, imaxe e/ou material audiovisual proporcionado polo tribunal, os/as aspirantes deberán facer por escrito un comentario crítico e razoado e responder á/s cuestión/s que o tribunal lles formule ao respecto.
Nesta parte da proba, o tribunal valorará:
– A comprensión dos conceptos, a utilización da linguaxe, a capacidade de análise e síntese e o nivel expresivo e expositivo amosados.
– A capacidade para desenvolver razoadamente ideas e argumentos.
– O coñecemento dos valores significativos do deseño en xeral no contexto histórico, cultural e socioeconómico.
– A identificación e valoración dos movementos artísticos e intelectuais máis representativos en relación co deseño.
b) Segunda parte. Os/as aspirantes realizarán dous exercicios de debuxo durante un máximo de catro horas:
– 1º exercicio: debuxo mimético a man alzada, do natural ou a partir da documentación facilitada, dun modelo proposto polo tribunal, realizado a lapis de grafito sobre papel tamaño DIN A3.
– 2º exercicio: debuxo a man alzada, utilizando os sistemas e técnicas de representación máis apropiadas, que serán definidos polo tribunal, do modelo do exercicio anterior.
Nesta parte da proba o tribunal valorará a fidelidade representativa, os coñecementos amosados e a exactitude e limpeza da execución.
2. Cualificación da proba específica de acceso. Cada unha das partes da proba cualificaranse nunha escala de 0 a 10, con dous decimais.
A cualificación final da proba específica de acceso será o resultado da media aritmética das cualificacións obtidas polo/a aspirante en cada unha das súas partes, expresada con dous decimais. Considerarase superada a proba a partir da cualificación de 5,00 (cinco).
Artigo 7. Convocatoria das probas de acceso
1. A dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores convocará, cando menos unha vez ao ano, a proba específica e a proba de acceso que substitúe o requisito de titulación.
2. A proba ordinaria realizarase nos meses de xuño e/ou xullo, e a extraordinaria, de ser o caso, no mes de setembro.
3. Para a organización, realización, avaliación e cualificación da proba específica de acceso, tanto para os centros sostidos con fondos públicos como para os centros privados autorizados, constituirase un tribunal nomeado pola dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, integrado, cando menos, por cinco membros, en número impar en calquera caso, dos corpos de catedráticos/as, profesores/as ou mestres/as de taller de artes plásticas e deseño, con destino nas escolas de arte e superiores de deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, e de entre os seus membros un/unha presidente/a e un/unha secretario/a.