Recoñecéndome. ”Arrombar o cuarto” é un proxecto persoal que nace a partir da necesidade de rachar co silencio, co escurantismo que hai ao redor da saúde mental, para falar da evidente herdanza dos estados depresivos. O proxecto parte da depresión da miña nai, desde a miña perspectiva, e acaba por converterse nun bucle de revelacións que me fan ser consciente de como o seu día a día afecta ao meu, da realidade do meu estado mental, das miñas propias obsesións e das miñas posibilidades de existir na resistencia.
As fotografías, o texto, os sons, as imaxes en movemento únense para elaborar unha mensaxe, unha chamada de atención, unha alerta; para dar unha explicación do que está a acontecer no meu interior.
Esa mensaxe vai dirixida ao público en xeral, co gallo de intentar expresar a experiencia dunha persoa cuxa vida xira en torno a unha herdanza dunha saúde mental descoidada polo sistema. Aos seres queridos, a quen unha non se atreve a desvelarlle o seu segredo. A unha mesma, para alertala do que está a acontecer no seu interior e procurar as ferramentas necesarias para superar, sobrevivir, resistir. Vai dirixida á miña nai, para facela aínda máis consciente e para dicirlle que estamos xuntas combatendo o monstro.
É unha mensaxe para poder SER.