Técnicas: Óleo, acuarelas, gouache e lapis de cores.
Ao pé das árbores que ían saíndo da aldea, cando chovía, formábanse unhas pozas anchas e profundas nas que se afundían os pedais das bicicletas. Lembro tamén cando caían follas daqueles altos chopos e ían quedando pousadas na auga. Seguro que por iso imaxinaba algún outono pasado, onde lucíamos botas altas de goma e chuvasqueiros amarelos nos que esvaraba o barro que nos salpicábamos os uns aos outros.
Lembro tamén as leiras segadas e os campos de terra enchoupada. Como esquecer que cunha palliña fina podías “engatusar” a unha formiga e facela crer que ía seguindo o seu camiño mentres subía ao pau enganada para deixala atrapada na deriva dunha folla?
Que podería haber máis semellante a ser Deus...?
Era eu quen empurraba a folla sutilmente e era tamén eu o que recollía coa palma a auga que balanceaba a balsa; despois deixaba caer unhas pingas co puño pechado coma se bombardease aquel insecto. Non era un Deus benévolo non, non o era... era un Deus curioso que desexaba saber se aquela pedra, dende o alto, como calquera fenómeno natural podería crear as impredicibles ondas que darían volta por fin a aquela folla...
Pero sempre, nos meus adentros, quixen saber que era o que sentía aquela formiga.