No items found.
Compartir:
Facebook
|
Linkedin
|
Deseño de interiores

Tenda-Estudo de moda

Angela Pereira

Ano do proxecto: 

2011

O centro histórico de Allariz compón un dos conxuntos máis interesantes de Galicia, converténdose na actualidade nun referente para o desenvolvemento do comercio téxtil mediante o desenvolvemento dun conxunto de tendas, tipo outlet que contribúen ao crecemento económico da vila.

Estes motivos son os que nos levaron a elixir este lugar para situar un local destinado ao mundo da moda, abarcando todas as súas fases: deseño, produción e venda.

Para a localización deste espazo seleccionamos unha das edificacións do centro histórico, situada na Praza Maior da vila. Trátase dunha vivenda blasonada do século XVIII, composta por dúas plantas e un baixo-cuberta, ademais dun patio traseiro ao que se accede desde o primeiro nivel.

A principal característica desta vila é o carácter amable das súas rehabilitacións, combinando tradición con modernidade, tanto en materiais coma en formas. Esta liña de actuación foi o concepto a ter en conta no desenvolvemento do proxecto.

Partindo desta idea optamos por manter os muros de carga existentes, creando tres entreplantas concibidas como un novo volume “apoiado” sobre da estrutura orixinaria da vivenda.

Unha vez accedemos ao local atopámonos coa zona de venda, situada na planta baixa e dividida segundo os espazos definidos pola propia estrutura: zona de venda, probadores, aseo e almacén.

A comunicación vertical créase a partir do único muro de carga que se prolonga ata a cuberta, centralizando todos os volumes nunha mesma zona e permitindo o acceso á primeira planta, destinada á zona de traballo. Desde aquí chegamos ata o patio traseiro, presidido por un antigo castiñeiro e destinado a sesións fotográficas, cocktails, desfiles, etc.

Continuando o ascenso chegamos á terceira planta, de ámbito privado, destinada ao despacho do deseñador.

Mediante a combinación de volumes e materiais preténdese crear un espazo de nova construción que se manteña en consonancia coa contorna que o rodea, onde a venda sexa unha prolongación directa do deseño.

Ir á portada de proxectos