Sestrelo é unha mesiña baixa que tamén pode funcionar como asento.
A idea vén da palabra orixinaria “setestrelo”, que, na cultura galega, denomina a constelación da osa maior polas súas sete estrelas ben marcadas. Á diferenza desta, no noso traballo, xogamos en todo intre con estrelas de seis puntas, que fan un xogo de palabras para obter “sestrelo”. Ó igual que as estrelas están debuxadas no ceo sobre o infinito negro, a nosa obra aséntase sobre un fondo escuro que cobre as patas. A peza consta de catro patas de forma triangular, que achega estabilidade e robustez cun mesado rectangular acorde coas patas. A parte da marquetería está creada a partir dun elemento modular, o rombo, que constrúe o debuxo de estrelas de seis puntas que dá nome ao moble. Realizada con tres madeiras, que achegan colorido diferente: koto máis amarelento, sapelli encarnado e outro máis claro para a faia. Toda a obra está realizada artesanalmente; a creación da marquetería peza a peza, o encolado, lixado e acabado están feitos manualmente, ó igual cá estrutura e co resto da obra. Nesta peza combínase a tradición ebanista dun oficio antigo e ancestral como é a creación das marqueterías, adaptándoo a unha estrutura sinxela e atemporal de formas actuais, todo isto cun fondo de cultura galega.
Con este estilo de moble conseguimos transmitir técnicas antigas e que pouco a pouco esmorecen cara a un estilo moderno, dándolle un futuro a este tipo de artesanía.