Non cabe dúbida que a natureza é un elemento vital na vida de calquera cidadán, e ter un lugar puro lonxe da masiva industrialización que, cada vez máis, sofre o noso país pode ser moi atractivo.
Este é o motivo o proxecto, un pequeno hotel de natureza, un lugar apartado da cidade, inmerso nun frondoso bosque de eucaliptos no que respirar aire fresco e gozar das diferentes rutas de sendeirismo que ofrece esta contorna galega.
En referencia ao deseño exterior o edificio rompe coa contorna natural, predominan as liñas rectas que da estrutura e da súa ornamentación, sobre un fondo de liñas serpenteantes que o envolven cunha manta de vexetación.
O volume novo, realizado mediante un armazón de lamas rectangulares, xoga co ancho e a separación das mesmas, creando así unha relación visual coa contorna tanto desde o interior como desde o exterior. Deste xeito a luz do sol proxéctase no patio formando un interesante xogo de luces e sombras.
Estes conceptos aprécianse tamén no interior pero de diferente maneira. A natureza maniféstase mediante a utilización de materiais naturais como o mármore, a lousa ou a madeira; sobre os cales se proxecta unha capa de luz solar, que os múltiples ocos da edificación deixan atravesar entre os seus muros. Así mesmo créase unha relación visual entre todas as súas plantas mediante forxados que se abren e ocos de escaleira.
En canto ás cores utilizadas, predominan os claros como o branco e a madeira de faia con intención de expresar tranquilidade e serenidade, creando espazos amplos que evadan da vida metropolitana chea de tensión e abafos.