No items found.
Compartir:
Facebook
|
Linkedin
|
Deseño de interiores

Clube náutico

Miryam González

Ano do proxecto: 

2010

Edificio Social para Clube Náutico “A Guarda”

O espazo natural da desembocadura do río Miño pertence á zona protexida do “Baixo Miño”, que con case 3000 Ha, é o Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) da Rede Natura 2000 máis amplo da bisbarra. Son augas salinas onde conviven especies mariñas e fluviais orixinando unha biodiversidade faunística e floral excepcional.

Neste marco sitúanse as instalacións do antigo estaleiro  “Joaquín Castro” que desenvolveu grandes embarcacións coma a réplica da “Carabela Pinta” construída na conmemoración do V Centenario hoxe amarrada nun peirao de Baiona.  As novas tecnoloxías e maquinarias obrigaron a mudar a ubicación das instalacións, deixando as edificacións en situación case de ruína.

Os raís que se conservan e que serviron para mover as embarcacións dende a auga aos diferentes niveis, serán o eixo vertebrador do proxecto e o nexo de relación entre as tres naves ben diferenciadas en uso posición e volume.

O obxecto do proxecto será un Edificio Social, que será tamén sede e centro neurálxico da actividade do Club Náutico “A Garda”. Dado que xusto ao lado atópase o Club de Tenis “Codesal” optouse por complementar as instalacións, e non repetir as xa existentes neste. Deste xeito a distribución dos espazos deste Edificio Social terá dúas zonas claramente diferenciadas e divididas, para que os asociados utilicen as zonas máis privadas, mentres os visitantes se relaxan e informan nas zonas públicas, gozando tamén, das magníficas vistas da desembocadura do río Miño.A idea principal do proxecto baséase na unificación das estanzas e actividades, de maneira que conviva comodamente a parte pública e a privada.

A presencia dunha praia con bastante afluencia de público foi un dos puntos a ter en conta no deseño. O aparcadoiro público debe ter un camiño claro e directo á praia, sen ter que esquivar a edificación, pero tampouco sen deixala pasar desapercibida. Isto provocou a apertura dun amplo oco nunha das naves que permite unha visión directa do azul da auga en contraste coa area da praia. Ao longo desta transición, pódese entrever o movemento de xente dentro, convidando a descubrir un interior de liñas puras.

O acceso principal realízase na zona máis histórica, á correspondente aos raís, e adquire unha especial forza visual a primeira nave, que se atopa aberta completamente ao exterior. Tanto o conxunto visual como a percepción das texturas é tan forte que pode mesmo trasladar ao visitante a aquela época na que aínda podía perderse entre embarcacións e pezas de madeira. Este é o principal motivo polo que a nave aberta albergará unha zona de museo na que o rail interior cobrará de novo vida, soportando elementos expositivos que mostren as maneiras de ancoraxe das embarcacións aos raís, así como os acabados destas.

Para que as tres naves principais se unifiquen visualmente nun mesmo conxunto, prolongouse a nave máis recente, de maneira que se macle coas outras dúas. Deste xeito a zona de intersección das tres naves será a destinada ao “vestíbulo” de distribución, comunicación vertical e punto de partida e relación de espazos.

Interiormente esta nave transversal contará con dous niveis, aínda que dende o exterior se conservará o aspecto primixenio. O nivel inferior está destinado principalmente a uso público, mentres que no superior se encontran as estanzas destinadas aos socios do club. Un elemento liso en forma de “U” invertida servirá para a unificación dos dous niveis, así como para a situación da rotulación do conxunto e que tamén, esconde o acceso ao interior, a xeito de abeiro.

As principais vistas son acaparadas pola zona que se sitúa na parte orientada cara á praia, por este motivo a estanza principal que ocupa este espazo é a Cafetaría- Restaurante, grazas ao cal, se converterá no lugar de reunión preferido tanto para visitantes coma para socios.

Ir á portada de proxectos