Catarsis é un proxecto persoal que combina textos e composicións visuais propias; categorizando o contido textual baixo prosa poética e, o visual, como poesía visual.
Xorde como unha alternativa: dentro do xénero literario mencionado existe un problema de carencias no deseño das súas edicións. Todas son tratadas de forma repetitiva e monótona; non hai innovación nin diferenza e, con isto, deuse pé á perda de orixinalidade e dificultouse o transmitir sentimentos ao lector. A través deste proxecto pretendíase crear un produto que demostrase que se pode romper con todas as normas establecidas e que existen opcións máis creativas para deseñar libros deste tipo.
Un dos obxectivos era reforzar a achega de distintas emocións a través da lectura e que, máis que como un produto, sexa percibido como unha experiencia. Tanto textos como composicións deseñadas conteñen unha mensaxe oculta ou unha dobre lectura que queda a libre interpretación de cada usuario.
A pesar de que o elemento estrela do proxecto é un libro de 112 páxinas, tamén se inclúen pósteres, marcapáxinas, adhesivos, un cartón, un cartafol para estes elementos mencionados e un packaging que contén todas as partes físicas. Inclúe 2 soportes para ser promocionado tanto físicos (folletos) como audiovisuais (trailer promocional).