O edificio sobre o que se intervén é unha nave que está situada na Estrada de Santiago, pertencente ao Concello de Coles.
O escenario, onde xeralmente se desenvolve a obra, ten catro paredes: a do fondo, as dúas laterais e unha cuarta parede imaxinaria que separa aos personaxes do público. ROMPER A CUARTA PAREDE significa dirixirse ao público e facelo partícipe da propia obra teatral.
Nesta nave eliminouse a fachada principal facendo alegoría a esta parede imaxinaria. No seu lugar, dispuxéronse varias teas de cores suspendidas da estrutura, simulando as bambolinas dun escenario que dan a benvida a calquera espectador, dirixíndoo a unha nova fachada de vidro a través dunha pasarela.
Por outra parte, dicir que un aspecto actoral común é a DISOCIACIÓN. É dicir, separar a realidade e a ficción á hora de interpretar un personaxe. Este concepto aplícase na obra de restauro a través de dous bloques: un luminoso e outro escuro.
O bloque luminoso engloba o foyer, recepción, administración, oficina e escaleiras. Predomina a cor branca e penetra luz natural a través dunha gran fachada de vidro e un lucernario. En canto á luz artificial, empréganse tubos LED verticais homenaxeando aos raios do sol. Todos estes elementos fan referencia á realidade, ao día e a luz.
O bloque escuro abarca o patio de butacas e os aseos. Nestas estancias aprécianse tons grises, ademais de madeiras nobres. Como o patio de butacas está deseñado para representar espectáculos, evade a luz natural e céntrase nunha luz focalizada, plasmándose un ceo estrelado. Polo que, fai referencia á ficción, a noite e a escuridade.
O obxectivo de deseñar estes bloques e unha nova fachada, é crear unha experiencia sensorial no espectador ao transcorrer dunha zona a outra.